Monday 29 de April de 2024

O pleno de Ordes aproba unha baixada de diversas ordenanzas fiscais


O IBI de cara a 2016 fíxase nun 0,56% para bens urbanos e rústicos e nun 1,30% para os de características especiais. A taxa de auga e sumidoiros descenderá un 0,7%

O pleno do Concello de Ordes aprobou onte por unanimidade unha modificación á baixa de diversas ordenanzas fiscais. Tal e como solicitou o BNG o novo gravame do Imposto de Bens Inmobles (IBI) fíxase a partir do ano 2016 nun 0,56% para bens urbanos e rústicos, e nun 1,30% para os de características especiais. Isto supón unha rebaixa xeneralizada do 6,66%.

Tamén se aplicará unha rebaixa na taxa reguladora do servizo de recollida de lixo, establecéndose epígrafes específicos para perruquerías e centros de estética así como para ximnasios e centros deportivos e de lecer. No caso dos almacéns, ferraxarías e talleres, ademais doutros espazos non clasificados, ven aumentado o número de tramos. Para a súa aplicación tomarase como referencia a superficie dos locais, co fin de reducir o gravame a comerciantes e empresarios.

No caso do servizo de augas e nas taxas de sumidoiros a rebaixa será dun 0,7% como consecuencia da revisión do IPC (aplicado de marzo de 2014 a marzo de 2015). Por último tamén se modificará a taxa por apertura de establecementos e pola concesión de licenzas urbanísticas de cara á adaptación para cambios en licenzas, segundo a Lei 9/2013, do 19 decembro.

Todos os grupos volveron coincidir na aprobación para a ampliación do prazo de reintegro das cantidades pendentes da liquidación negativa da participación do PIE correspondente ao exercicio 2013, así como para a modificación de expediente de crédito. Unha medida necesaria para poder facer fronte ao pago de algo máis de 80.000 € esixido por sentenza xudicial ratificada polo Tribunal Supremo para a reposición da rampla e indemnización do demérito económico do inmoble afectado pola perda desta. Unha intervención urbanística de cara á construción de beirarrúas realizada en 2001 no paseo Iván Raña polo goberno de Democracia Galega, do que formaba parte Manuel Regos, ex-alcalde e concelleiro de UXO.

‘Camiño escolar seguro’

No apartado de mocións o PSOE viu prosperar co apoio de todos os demais partidos as súas solicitudes. A primeira facía alusión á realización do chamado ‘Camiño escolar seguro’ para alumnado a partir de 2º de primaria. Unha medida suxeita á realización dun estudo de viabilidade e á colaboración voluntaria da veciñanza e doutros axentes. A todos se lles informará e se lles fará unha solicitude pública a través da páxina web e redes sociais do Concello no prazo aproximado dun mes. Tamén se acordou a mellora da ETAP e da liña de abastecemento de auga potable do municipio, solicitando para isto o apoio económico da Consellería de Medio Ambiente en base ao canon da auga. Un aspecto do que xa informou o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, coa entrega dunha copia do protocolo de actuación para casos se alta turbidez de auga tratada, para o que xa ten previsto un investimento de cara aos próximos orzamentos.

Por último acordouse a posta en marcha de campañas de concienciación contra a violencia de xénero tanto de cara ao 7 e o 25 de novembro, xornadas nas que se levará a cabo unha marcha convocada polo Movemento Feminista e o Día contra a violencia de xénero, respectivamente. Mensaxes a través das pantallas leds; carteis en comercios, establecementos e en eventos culturais, deportivos e sociais; demandas á Xunta e ao Goberno Central para manter recursos, servizos de atención, apoio e prevención etc inclúense entre as iniciativas e ideas a poñer en marcha.

No apartado de rogos e preguntas o rexedor informou que está previsto o levantamento do firme no cruzamento entre as rúas Canteira e Mercado. Trátase dunha intervención necesaria que se iniciará o vindeiro día 3 de novembro por parte da empresa que executou as últimas obras de canalización. Actualmente estase procedendo coa correcta marcación dos demais sistemas e cableaxes que conflúen polo mesmo punto para evitar danos e roturas innecesarias. O Goberno local tamén se comprometeu a estudar a posibilidade de instalar unha varanda no bordo da beirarrúa que comunica a rúa Alfonso Senra coa rúa Parque. O mesmo compromiso se adquiriu de instar á Xunta para a instalación de bandas sonoras na estrada AC 524 que vén dende a autoestrada cara a Ordes (próxima á rotonda de Poulo), así como en mellorar a indicación vertical na rotonda de Buscás situada na Rolda Leste vindo dende o polígono industrial.

Informes de alcaldía

O alcalde tamén informou sobre a inclusión nos orzamentos da Comunidade Galega para 2016 de 1,5 millóns de euros para acometer as obras da estrada Ordes Cerceda por Virís. Unha contía que se repartirá a partes iguais (750.000 €) entre o vindeiro ano e o 2017. Asemade deuse conta da aprobación das obras do servizo de concentración parcelaria en Ordes, as cales se acometerán en Buscás, Beán, Pereira, Mercurín, Lesta, Parada e Montaos. En total hai que falar de máis de 1.153.000 € de investimento (431.000 € xa executados) para traballos de acondicionamento, entroncamento, construción, mellora de firmes etc, de camiños e vías secundarios destes lugares.

Nos informes de alcaldía tamén se incluíu o envío da documentación necesaria para a inclusión de solo industrial de Pardiñas dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, así como o encontro con Celina Matías, delegada de Patrimonio de Galicia-ADIF, para abordar o alugueiro da estación da Pontraga.